Thursday 09 de May de 2024

Mobilidade reforzará a seguridade das e dos ciclistas con dez paneis semafóricos nos cruzamentos de vías


A concellería instalará estes días a nova sinalización que recordará a preferencia de quen circula en bicicleta fronte a quen se despraza en coche nos puntos en que conflúen de Linares Rivas, avenida de Oza e Salvador de Madariaga
A Concellería de Mobilidade instalará nos próximos días paneis semafóricos ao longo do trazado do carril bici co fin de sinalizar os cruzamentos coas vías reservadas para circular os coches con fin de evitar que se produzan accidentes, de forma que neses puntos conflitivos en que conflúen ambos os carrís terán preferencia as bicicletas.
Na xornada de hoxe quedará fixada a sinalización no cruzamento de Linares Rivas con Menéndez Pelayo, xusto no xiro a Federico Tapia e nos próximos días o persoal traballador actuará en Ramón y Cajal coa avenida de Oza, nos xiros a Catro Camiños e á rolda de Outeiro; e na mesma rúa, pero no cruzamento con Alcalde Marchesi onde conecta coa rúa Posse. En Alcalde Pérez Ardá haberá sinais en sentido Matogrande na viraxe ao interior da Estación de Autobuses; coa rúa Chile, no xiro a Caballeros; e no cruzamento coa rolda de Outeiro, na conexión co parque de Oza. Tamén quedará reforzada a preferencia de ciclistas na avenida de Salvador de Madariaga, 33, na viraxe cara á rúa Miguel Hernández; á altura dos números 33- 55, en que hai un desvío para a zona do aparcadoiro e no que hai máis adiante que dá acceso ao Club Financeiro.

Serán en total dez paneis cos que o concello pretende reforzar a seguridade das persoas que transitan a cidade sobre dúas rodas, unha das preocupacións da alcaldesa, Inés Rey, desde o principio do mandato.